[ADVERTENCIA]: tema IMPORTANTE, correo MOI longo. Collede de comer e beber, 
parade de vez en cando, e meditade o que ledes. Se opinades TODOS chegaremos a 
unha conclusión pronto e axudádesme a acabar de pechar o estatuto. Se non 
opinades seguiremos debatendo ad nauseam e ad aetermun e seguiremos sen ter 
estatuto. Grazas! 

Abro fío aparte para o máis polémico dos apartados do estatuto: o da elección 
da directiva. Visto que hai posturas dispares e non hai consenso explícito 
darredor de ningunha, se vos parece empezamos de cero neste punto.

Necesítase decidir:
1. se elixir os cargos da directiva por separado (métodos de gañador único) ou 
por xunto (métodos de gañador múltiple: listas pechadas? elección por 
candidato?)
2. Número de rondas de votacións (irá en función do método) 
3. procedemento de substitución da directiva (especialmente, do presidente)

Vou expoñer, a risco de parecer freaky de máis,:
1. canto método de elección é posible 
2. métodos de elección en distros e fundacións destacadas
3. vantaxes e desvantaxes de diferentes métodos

[INSTRUCIÓNS]: para facilitarme a min a vida (a non ser que queirades vos 
acabar de redactar o estatuto) NON comentedes no apartado 1 e 2 seguintes (son 
só informativos), senón no 3, e debaixo dos puntos I, II e III segundo qué 
comentedes. Se queredes discutir algo do estatuto diferente da elección da 
directiva abride outro fío con asunto [ESTATUTO]. Grazas!!

1. Resumo de procedementos de elección:
(hai unha entrada na wikipedia moi boa acerca disto ;) )

Grupo I - Gañador único
  Métodos para a elección de cargos por separado
Bloque I. Pluralidade
O  gañador leva todo. Gáñase en elección simple sen necesidade de maioría 
absoluta. É o modelo americano de elección nas primarias dos partidos, p.ex.
Bloque II. Sistemas de múltiples rondas
O votante decide entre candidatos e escolle só un:
- Sistema de dúas voltas: procédese a unha segunda volta, caso de non haber 
maioría absoluta na primeira, entre os dous candidatos máis votados. Modelo 
electoral presidencial francés, p.ex.
- Sistema exhaustivo: sucédense votacións ata que un candidato obteña maioría 
absoluta, en cada ronda elimínase o candidato con menos votos. 

Bloque III. Sistemas de preferencia
Os votantes ordenan os candidatos por orde de preferencia.

- Criterio de Condorcert: elíxese o candidato, que en comparanza cos demais é 
o máis preferido. Destes o 'método de condorcet' é a variación máis empregada. 
O votante coloca por preferencias os candidatos, no reconto, emparéllase cada 
candidato con outro (fanse tódalas combinacións posibles) e por cada 'cara a 
cara' elíxese un gañador. Aquel candidato que gañara máis veces é o gañador. 

- Votación preferencial: os votantes ordenan por preferencia os candidatos, se 
non hai candidato con maioría absoluta, elimínase o candidatos con menos votos 
e eses votos son transferidos ó candidato que lle siga en preferencia. 
Repítese sucesivamente o reconto ata obter maioría. úsase, p.ex nas 
presidenciais de Irlanda.

- Reconto Borda: os candidatos reciben puntos segundo a preferencia na que 
foran colocados. Os puntos que se asignan a cada candidatos van en función do 
número de candidatos: así, se hai cinco candidatos, por cada voto no que un 
candidato fora de primeiro recibe cinco puntos, por ir en segundo catro e 
sucesivamente. O candidato con máis puntos gaña. Este método valería para 
elixir múltiples  postos (por orde de puntuación)


Blique IV. Métodos sen asignación de rango

-Voto aprobatorio: de entre tódolos candidatos, o votante pode escoller só a 
un ou a cantos queira sen lles asignar preferencias. Quen teñan maior número 
de votos gaña. Este método pretende reflectir verdadeiras preferencias.
- Voto con rango: os votante asígnanlles ós candidatos valores dentro dun 
rango. Faise a media (ou outra medida estatística de tendencia central ;) ) e 
elíxese o candidato con mellor puntuación. 

Grupo II - Gañadores múltiples
Bloque I. Representación proporcional
- Lista de partido pechada: solución por todos coñecida e mediante a cal 
votamos no noso amatisimo Reino de España
- Lista de partido aberta: o votante decide por algún sistema a orde dos 
candidatos dentro do partido.
- Voto único transferible: sistema de voto persoal para cubrir múltiples 
postos.  O  votante ordena por preferencias os candidatos. Establécese unha 
cota para gañar a elección, calquera candidato que a sobrepase é elixido; un 
sistema é aplicar que Q = (votos/(postos a cubrir ))+ 1)+1. Cando un candidato 
sobrepase a cota, transfírense os seus votos ás seguintes preferencias etc

Bloque II. Representación semiproporcional
- Votación limitada: os postos cúbrense segundo os votos recibidos, que son 
tantos como postos menos un. 
- Votacións paralelas:  neste caso procédese a dúas votacións independentes 
nas que se elixen determinados candidatos por votación directa, e outros por 
un sistema de representación proporcional. 

Bloque III. Representación non proporcional
- Voto en bloque: o votante elixe de entre os candidatos tantos coma postos a 
cubrir. Asígnanse os postos segundo o número de votos ata cubrir os postos. 

Grupo III - Selección aleatoria 
Bloque I Sortion
Método no que se elixe aleatoriamente entre os candidatos. Punto. Método máis 
propio para elixir quen paga a ronda de cañas (sic)
Bloque II Papeleta aleatoria
Tras votar, elíxese un voto ó chou de entre tódolos emitidos. O candidato que 
apareza nese voto sae elixido. Fundamentase en que a probabilidade de saír 
elixido será maior canta máis xente votara por un candidato. 

2. Eleccións noutros grupos de interese

Fedora: 
Escolle usando o voto con rango. Isto é puntúanse os candidatos dentro dos 
valores dunha escala. Asígnanse os postos pola orde na que quedaran nesa 
puntuación.

Debian: 
Debian emprega o método de elección de Condorcet. Isto é: O votante coloca por 
preferencias os candidatos, no reconto, emparéllase cada candidato con outro 
(fanse tódalas combinacións posibles) e por cada 'cara a cara' elíxese un 
gañador. Aquel candidato que gañara máis veces é o gañador. 

Gentoo: 
Empregan un sistema preferencial. Isto é: os votantes ordenan por preferencia 
os candidatos, se non hai candidato con maioría absoluta, elimínase o 
candidatos con menos votos e eses votos son transferidos ó candidato que lle 
siga en preferencia. Repítese sucesivamente o reconto ata obter maioría

openSUSE: 
Novell nomea un posto da directiva, outro non é de Novell e os demais 
dispóñense por reconto simple. Non aplicable para nós. 

KDEev: 
Empregan un sistema similar ó debianita: empregan unha variación método de 
condorcet con resolución polo algoritmo de Schawrtz 

cito unha parte interesante dos estatutos da asociación: 
>"An active member who cannot personally participate in the General Assembly 
may ask another member, who will be personally 
>present, to represent him during the General Assembly. The representative 
will exercise both members’ voting rights. The representative will legitimise 
himself at the beginning of the General Assembly by presenting to the Board 
the original of a written authorisation. A representative may represent a 
maximum of two additional members."

>"Should a board member quit while in office, the board appoints a provisional 
board member on the basis of an internet vote in which all active members 
participate. The provisional board member remains in office until the General 
Assembly takes place. The General Assembly decides about the definite 
succession within the board."

e das regras de funcionamento:

>An online voting is initiated by a proposal for voting which states the 
subject of the voting. The proposal is sent by email to the membership mailing 
list and has to include exact and complete information what is voted upon. The 
voting proposal email has to explicitly be marked as voting proposal by 
starting the email subject line with the string "Voting Proposal:". Any active 
member can initiate a voting by sending a voting proposal. 
Gnome Foundation: 
Empregan un sistema de voto único transferible: Isto vai así: 
-realízase unha votación na que o votante ordena por preferencia os candidatos
-establecese unha cota para que un candidato sexa electo. Un método para 
establecer a cota é Q = (votos/ (postos + 1)) +1
- cóntanse as primeiras preferencias, se un candidato sobrepasa a cota queda 
electo.Os votos polos que sobrepasa a cota chámanse 'excedente'
- eses votos son transferidos a outros candidatos en función da segunda 
preferencia dos votantes dese membro que xa está electo. Transfírense dun 
xeito proporcional ó número de votos que recibira o candidato [taxa de 
transferencia =excedentes/votos por ese candidato]
-se algún candidato coa transferencia sobrepasa a cota, queda electo
-repítese o proceso ata cubrir os postos. Se chegara un momento en que ningún 
candidato sobrepasa a cota pero quedan postos por cubrir, eliminase o 
candidato con menos votos e asígnanse as súas segundas preferencias entre os 
outros candidatos. 
Método sinxelísimo para aplicar (sic)

3. Razoamentos para elixir método de elección e opinións
I. A primeira decisión sería se elixir os tres membros da directiva en 
votacións separadas ou nunha única. No primeiro caso estariamos ante os 
métodos de gañador único e inversamente. Deberiamos optar polos primeiros se 
pensamos que é necesario elixir a persoa en función do posto ou que pola 
contra os postos poden ser ordenados por importancia (presidente > secretario 
> tesoureiro) e cubertos de tal xeito.
II. A segunda é se preferimos un sistema de 'partido' ou 'personalista'. É 
dicir, se entendemos a directiva coma un ente que se elixe en bloque, un 
equipo de traballo, ou se a directiva debe estar composta polas persoas nas 
que confíen os asociados individualmente. 
Opinión: a número baixo de asociados (ehem, nós) faise difícil poder elaborar 
varías listas para concorrer en eleccións. Igualmente, ese baixo pool de 
candidatos vai determinar que importen pouco as preferencias ou capacidades da 
xente para un posto determinado senón que primará o "tocouche a ti porque non 
hai máis xente". Igualmente, as atribucións dos cargos ó nivel no que nos imos 
mover inicialmente, son practicamente os mesmos en tempo que ocupen ou 
problemas que dean exercelos. O presidente tocaralle lidiar coa xente un pouco 
e o tesoureiro ir de cando en cando ó banco. Opino que se debería optar por 
métodos de elección que primen a meritocracia máis ca deseñar equipos 
executivos, pois os procesos que hai que facer son máis de visión ca de 
execución. Non necesitamos levar a fiscalidade dun banco senón darlle outro 
pulo o proxecto con ideas e xente que arrime o ombro.
III,  A terceira cuestión sería o método concreto de elección. No caso de 
elixir un método de 'executiva', digámolo así, habería que decidir se o 
presidente elixe a directiva a pracer ou cal é o conxunto de persoas que 
poderían ser nominadas. Se pensaramos nun método de preferencias de elección 
de varios postos habería que valorar cada método por separado: ou de 
preferencia, ou o método condorcet.... Aquí entra en xogo a aplicabilidade.
[Opinión] De tódolos exemplos que fun vendo non atopei ningún exemplo de 
listas pechadas etc senón de procedementos nos que se vota por persoas 
individualmente. Semella ser un modelo operativo para comunidade que funcionan 
por internet. Descartando listas pechadas eu optaría polo método de fedora ou 
de debian. O procedemento non é nada complicado de computar e permitiría 
resolver a elección da directiva cunha soa votación e incluso online, como é o 
caso de KDEev.  En debian e gentoo o voto e secreto e realízase por email con 
chave electrónica, os resultados publícanse a posteriori identificando as 
preferencias de cada voto cun código que se lle dá a cada votante antes de 
votar, isto permite comprobar que o voto foi computado correctamente sen que o 
voto deixe de ser secreto. 
IV. Pensar en como resolver o caso de substituír o presidente ou outro membro 
da directiva. E isto si que é legalmente necesario establecelo. Ou ben se 
realiza unha votación para elixir un candidato de substitución, ou ben o 
método de elección do presidente/directiva establece unha orde entre 
candidatos a que se pode acudir para escoller substituto. Igualmente pódese 
establecer que a directiva escolle no momento da baixa un substituto. 
[Opinión] Os sistema de preferencia xa nos darían un orde ó que acudir para 
cubrir calquera baixa. Sen elixir vicepresidente, parece pouco sensato, e 
democrático, que secretario e tesoureiro elixan a calquera como presidente 
temporal (que podería selo por case 12 meses), especialmente se o presidente é 
o encargado de elixir a directiva. Igualmente o presidente substituído podería 
decidir quen o substitúe pero poderíase dar o caso de non poder... Para min 
engadir votacións ou listas só engade complexidade ó sistema e aporta pouco.
Como último apuntamento, dicir que a directiva que saía na fundacional estará 
por dous anos e se nese tempo se comproba que o método, o que for, que 
elixamos non é o axeitado, podemos empregar ese tempo desa primeira directiva 
para modificar o estatuto durante a súa renovación. O  que eu agora lle pediría 
o estatuto é que fora moi explícito nos pormenores do método de elección, 
substitución e votación electrónica porque sacado isto non debería haber 
problemas de funcionamento nese medio tempo. Simplemente hai que establecer un 
método de resolver as decisións que sexa rápido e efectivo. 
V. En resumo, que método propoñedes? (Dani, Xosé, podedes omitir este paso)

Saúdos e boas noites!

















Responderlle a