Ola. Estou agora mesmo creando o módulo de Transo para o Hunspell, que incluirá aquelas palabras acordadas nas trasnadas que o DRAG non considere correctas.
Escribo algunhas cousas que atopei no HTML que recolle os acordos ata Trasnada 12.0: 1) Atopeime : * O termo «circumflexo» («acento circumflexo»). O correcto é «circunflexo». * O termo «ponto» («ponto de intersección»). O correcto é «punto». * O termo «coñecimento» («extractor de coñecimento»). O correcto é «coñecemento». * O termo «caír» (como tradución para «nuke»). O correcto é «caer». * O termo «independiente» (como tradución para «standalone»). O correcto é «independente». 2) Para traducir «blink» temos tres termos: pestanexar (recomendado), palpebrexar e escintilar. O DRAG non considera correcta a palabra «palpebrexar». De momento engadina ao módulo de Trasno, pero quizais deberiades de considerar retirala da lista na seguinte trasnada. 3) Cal sería o plural de «cluster», «clusters»? Estráñame que non usásemos til para este termo, como si que se fixo con «búfer» (plural «búferes»). 4) Aceptáronse «predefinido» e «predefinición», pero non se acordou nada sobre o verbo, «predefinir». ¿Deberían engadir as súas formas como verbo (transitivo)? 5) Para «however» aparece entre outras «sen embargo». Tiña entendido que esa forma é incorrecta, e non vexo na lista «porén». 6) Para «inbox», a posibilidade (non recomendada) de usar «buzón». O DRAG indica expresamente que «buzón» é incorrecto. Debería engadirse ao módulo? 7) Para «keyring» temos «chaveiro» e «claveiro». A segunda forma, non contemplada polo DRAG, imaxino que se engadiu polas diferencias entre «clave» e «chave». Coméntoo por se acaso, pero de primeiras vai engadido. 8) En que caso damos «ok» por correcto? oO 9) Cal sería o plural de «píxel»? 10) É «url» ou «URL»? Respecto do módulo de Trasno, se ben vou incluír instrucións para compilalo, creo que as distribucións —así como os complementos que fornezamos para aplicativos como o Firefox ou o LibreOffice— non deberían incluír este módulo, e por tanto non estou pensado en incluílo de maneira predeterminada cando se compila o corrector. Eu véxoo como algo especial para nós á hora de traducir. Se considerades que debería ir incluído de maneira predeterminada, por favor, manifestade a vosa opinión. A falta de aclarar estas cuestións, o módulo está listo. Para quen lle queira botar unha ollada: https://github.com/Gallaecio/hunspell-gl/tree/trasno/src/trasno Un saúdo.
_______________________________________________ Proxecto mailing list Proxecto@trasno.net http://listas.trasno.net/listinfo/proxecto