Boas,

Aínda que a maior parte de vós xa recibiríades o aviso a traverso doutras
canles, seguindo a petición dalgúns voluntarios dou conta en todas as roldas
concernidas tanto da actualización nos enderezos das roldas oficiais dos 
proxectos que eu coordeno como das tarefas que estou a levar a cabo para
normalizar a situación diante do proceso de desmantelamento de Mancomún.

Animar a quen queira unirse ao proxecto da súa preferencia para que o faga:
trátase dun excelente momento para fazelo, xa que debemos definir en cada un
dos proxectos as prioridades e asumir cada quen as tarefas que poida. Neste
sentido, xa adiantei que a miña proposta será priorizar a sincronización con
Ubuntu [0] identificando as releases que resulten críticas a ese respeito. E
para ise proposito estou acometendo as seguintes tarefas:

- Clarificar as canles de comunicación, sen o que resulta imposibel un
  traballo de coordenación efectivo (este correo forma parte desta tarefa;
  insistir en que se manteña o correo de cada proxecto na súa propria rolda
  evitando o crossposting gratuíto, tamén). Neste sentido pois, os enderezos
  dos proxectos serían as seguintes:

       Mozilla    : galician en mozdev.org
       OpenOffice : dev en gl.openoffice.org
       GNOME      : gnome en g11n.net [1]

  Todas as personas que desexedes colaborar na tradución de calquera destes
  proxectos estades convidadas a vos cadastraren nelas, o que podendes fazer
  nos enderezos seguintes respectivamente:

       Mozilla:   :  http://www.mozdev.org/mailman/listinfo/galician
       OpenOffice :  http://gl.openoffice.org/servlets/ProjectMailingListList
       GNOME      :  https://roldas.g11n.net/mailman/listinfo/gnome

- Determinar os recursos dos que dispoñemos (canta xente temos, aportación
  vía voluntariado ou vía laboral, infraestructura da que dispoñemos, áreas
  de especialización, ...). Nas roldas de cada un dos proxectos abrirei un 
  fío con este propósito unha vez que finalize a posta en marcha da
  plataforma de g11n [2], que nas próximas horas enceta o seu tramo final.

- Determinar en función do anterior as prioridades nas releases e módulos de
  cada proxecto, para o que deberemos poñernos de acordo coa xente de Ubuntu.
  Son consciente de que para os tradutores este último punto é o importante,
  e xa observo o nerviosismo e mesmo a incomodidade dalgúns pola inseguridade 
  da situación ou polo risco a non chegar a tempo a releases concretas. Debemos
  ser conscientes de que estamos nun proceso de cambio onde o importante é 
  asegurar a viabilidade dos proxectos a meio e longo prazo mesmo se iso 
  significa sacrificar algunha release intermedia. Se todos axudamos na tarefa,
  cun pouco de sorte todo debería entrar segundo o previsto. 
  
Por último insistir de novo en mantermos dentro rolda oficial de cada 
proxecto as comunicacións a él referidas; as prácticas de crossposting que
estamos sufrindo estes días únicamente incrementan a confusión derivada do
proceso de desmantelamento de Mancomún ensuciando as canles de comunicación
colectivas. Este mesmo correo chegaralle por triplicado a algunha xente; pola
miña parte tratarei de que sexa o último, empregando a rolda comunitaria como
canle de comunicación pública (comunidade en g11n.net).

Finalmente: clarexar a quen aínda non pareceu entendelo, que a miña labor de
coordenación é plenamente voluntaria. Ninguén está obrigado a colaborar nos
proxectos que eu coordeno -polo que eu non podo esixirlle nada a ninguén-
igual que ninguén pode esixirmo a min, marcarme tempos ou reprocharme nada
alén do que de forma consensual asuma en cada un dos proxectos. Se asumín 
esta responsabilidade é básicamente por que estando capacitado e dispoñendo 
de tempo -vantaxes de ser un represaliado político- ninguén máis se ofreceu
a facelo. A porta queda aberta dende este mesmo momento, e a meritocracia 
será a chave que poida abrila, como en calquera outro proxecto de código
aberto. Neste sentido, as queixas e lamentos irán directamente a /dev/null
a igual que as acusacións, difamacións e demais lixo da que teño constancia
de estar sendo obxecto. 

Saúdos,

[0] https://roldas.g11n.net/pipermail/comunidade/2009-October/000006.html

[1] Foi proposto iniciar o proceso de creación dunha rolda no dominio
gnome.org; se todo vai ben na próxima semana iniciaremos o proceso. Ver:
https://roldas.g11n.net/pipermail/gnome/2009-October/000004.html

[2] http://listas.mancomun.org/pipermail/g11n/2009-October/002723.html



-- 
http://susinho.pagina.de/

Responderlle a