Prezados responsábeis da política tecnolóxica da Xunta:

O Goberno galego aprobou no seu Consello do pasado 9 de xullo un conxunto de 
medidas que conforman a política tecnolóxica da Xunta ata o ano 2010. Para a 
miña sorpresa, comprobo que neste plan non aparece referenciada ningunha 
iniciativa de promoción do software libre ou de continuidade das existentes 
(como as Oficinas de Software Libre Universitarias ou Mancomún) nin tampouco 
compromiso algún para implantar estándares abertos na administración 
electrónica da Xunta.

O uso de software libre na Xunta suporía aforrar millóns de euros que 
actualmente se gastan en licenzas para usar programas que poderían ser 
substituídos polos seus equivalentes libres e gratuítos, igual que fixeron 
outras administracións públicas de toda Europa. A este respecto debo 
lembrarlle que durante a pasada campaña electoral o Partido Popular que 
actualmente goberna na Xunta prometeu literalmente:

«Impulso da implantación de software libre e uso de estándares abertos na 
Administración Autonómica, compartindo e reutilizando o software que fose 
creado con diñeiro público, sen posicións dogmáticas fronte a catro anos de 
bipartito de impulso teórico e enchido de adxudicacións de software privativo»

Como cidadán consciente da transcendencia que teñen as novas tecnoloxías da 
información e da comunicación para o futuro deste pais e o da súa lingua, 
quero manifestarlle a miña fonda preocupación pola ausencia total de 
compromiso neste sentido que está manifestando o actual goberno coas 
tecnoloxías libres, identificadas pola Comisión Europea como únicos garantes de 
interoperabilidade así como polo Goberno do Estado español. Galiza non pode 
quedar illada das autopistas internacionais da información e o software libre 
pode contribuír manternos conectados.

Como poderá comprobar, son moitas as persoas que comparten comigo estas 
preocupacións que están levantando unha considerábel alarma social posto que 
afectan a proxectos da Xunta que teñen unha grande aceptación. Por este motivo 
considero conveniente e necesario que se posicione vostede con urxencia 
publicamente para aclarar o futuro de Mancomún así como o resto das 
iniciativas de promoción do software libre existentes.

Finalmente, quero convidalo a potenciar as positivas actividades do Centro de 
Referencia e Servizos de Software Libre (Mancomún) posto que grazas a esa 
iniciativa dispoñemos hoxe en día no noso idioma dos programas informáticos 
máis populares como o navegador Firefox ou a ofimática OpenOffice.

Sen máis, despídese atentamente.
Marcelino Villarino Aguiar

Responderlle a