Bo día a todos.

Antes de nada quixera agradecervos, como traballadora de Mancomún e creo 
que en nome de todos os meus compañeiros, o voso apoio e ánimos 
recibidos nos últimos meses.

Mais ante a alarmista noticia que saíu publicada onte en A nosa terra, 
na que fala de despedimentos dos traballadores de Mancomún e do seu 
peche, quixera aclarar un par de cuestións, como coordinadora do 
proxecto no CESGA.

O CESGA, como todos sabedes, ten un convenio de colaboración firmado coa 
anterior Consellería de Innovación para o apoio ás actividades de 
promoción de software libre en Galicia, a través de Mancomún. Este 
convenio está en vigor ata o 31 de Decembro deste ano, e as indicacións 
recibidas da Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, 
Mar Pereira, son que continuemos coa nosa actividade habitual.
Por outra parte, na reunión mantida o pasado mes de Xullo entre Mar 
Pereira co CESGA, as universidades e AGASOL, indicou que van continuar 
co seu apoio a Mancomún e ao software libre en Galicia para o que están 
a traballar nun novo plan de actuación que dea continuidade máis alá 
deste ano, do que agardamos ter noticias en breve.

Respecto aos despedimentos mencionados na nova, o único que dende aquí 
podemos dicir é que onte mesmo recibimos información por parte da 
Xerencia da Fundación da Calidade de que Suso Baleato causaba baixa como 
coordinador de Mancomún. 

Gustaríame poder darvos máis información que esta, pero é toda a que eu 
teño.

Un saúdo

-- 
Mar Castro Pereiro                                                      
Centro de Referencia e Servizos de Software Libre      www.mancomun.org
Avda. de Vigo, s/n 15706   Santiago de Compostela 
Tel/ Fax: (0034) 981 56 98 10/ 981 59 46 16  <mar.castro @ mancomun.org>

Reply via email to