Ola Jacobo,

Esta é a primeira vez que escribo á lista, pero xa que falas de cambiar o modo de traballo* quería propoñer o uso "oficial" *(logo direi que entendo por esta palabra)* das ferramentas web que permiten realizar traducións dunha forma colaborativa.
*
Considero moi proveitoso o uso deste sistema, porque supoño que hai moita xente que se atopa no meu caso: con moita gana de colaborar, pero sen o tempo suficiente para poderse facer cargo da tradución completa dunha aplicación ou dunha parte (garantindo uns resultados nun tempo razoable).

Teño empezado varias veces a tradución dalgunha aplicación con ferramentas tradicionais (poedit, kbabel, emacs...), pero os resultados quedaron perdidos no fondo do meu "/home". Recentemente descubrín *Rosetta* (https://launchpad.net/rosetta/+about) e *Pootle* (http://pootle.wordforge.org/) que permiten realizar a tradución de cadeas e almacenan o resultado nun servidor. Desta forma *un pódese conectar cinco minutos e traducir unhas poucas cadeas, e ese traballo non se perde*. Para que esta última afirmación sexa certa, é preciso que a maior parte da xente utilice Rosetta ou Pootle, por iso falo da "oficialidade" (recomendación de uso).

Un par de comentarios sobre Rosetta e Pootle:

   * Rosetta:
         o Creada por Canonical (Ubuntu).
         o Ferramenta oficial para a tradución de Ubuntu (en Ubuntu
           existe unha entrada nos menús das aplicacións para levar ao
           usuario á páxina de tradución) e para outras
           aplicacións/equipos de tradución.
         o Polo momento non é código libre. Isto implica que non se
           pode descargar e instalar nun servidor propio (aínda que iso
           limitaría a colaboración, ao existir diferentes sitios onde
           poder traducir).
         o O seu desenvolvemento está avanzando moi axiña, e incorpora
           utilidades interesantes.
   * Pootle:
         o Código libre (pódese instalar unha versión local ou utilizar
           o sitio http://pootle.wordforge.org/)

Podo ser parcial, porque coñezo máis Rosetta ca Pootle (de feito son o administrador do equipo de tradución ao galego do Ubuntu), pero Rosetta é moito máis amigable para o usuario.

*_Recapitulando_: Xa que vás descentralizar o Trasno, gustaríame que se discutise nesta lista a posibilidade de usar Rosetta ou Pootle como ferramentas oficiais*.

Un saúdo.
   Felipe.


Jacobo Tarrio wrote:

Hai moito tempo que o Trasno está parado, aínda que algunha xente segue a
traballar (menos mal).

Vaia, hai que recoñecelo: a web está detida en febreiro do 2004 (¿xa pasou
tanto tempo?), non hai CVS desde aquela, os sistemas de estatísticas non
funcionan, etc., etc. Incluso eu son inoperante como coordinador, e a
pesares diso algunha xente consegue traducir cousas e todo :-)

Isto non pode seguir así.

O bo é que non vai seguir así.

Pretendo tirar co Trasno embaixo e reconstruílo en tres dí... ben, pretendo
reinicialo, dar unha etapa por rematada e iniciar unha nova, funcionando
mellor. Ou simplemente funcionando :-)

A miña idea co Trasno é que sirva para que distintos grupos independentes
de tradución de software libre ao galego se poidan comunicar, e intercambiar
experiencia e coñecementos.

É dicir, no canto de ter varios equipos que forman parte do Trasno, ter
varios grupos (os da tradución de GNU, os tolos do OpenOffice, o matado do
instalador de Debian, etc.) que traballan de cadanseu xeito e a cadanseu
ritmo, sen que o idiota do Jacobo lles entorpeza porque lle gosta máis KDE
que GNOME ou porque o Pepiño que é o xefe da tradución de NetollaPlus lle
cae mal; nembargantes, o Trasno había fornecer medios para que os distintos
grupos se comunicaran entre eles e co exterior, e para ter algúns recursos e
criterios comúns, pero sen ningún tipo de obriga.

Estou pensando na lista de correo, nun portal, nun dicionario actualizado,
etc. Ou incluso algún sistema para intercambio de ficheiros, pero só para
grupos que non poidan ter o seu.

En resumo, quero descentralizar o Trasno: despois de probar a
centralización durante seis anos, creo que é un estorbo máis que unha axuda,
así que quero repartir a autoridade e a responsabilidade, para que cada
grupo se desenvolva o mellor que poida, pero contando coa axuda dos demáis e
tamén do Trasno.

Agora tedes unha semana para falar do tema. Quero os vosos comentarios, as
vosas ideas, as vosas críticas, e todas esas cousas. Pero só ata o domingo á
noite, que se non, eternizámonos e non avanzamos; o domingo á noite ou o
luns á mañá retirarei a páxina web actual e irei preparándoo todo para o
novo Trasno. A ver se resulta :-)


_______________________________________________
Trasno mailing list
tra...@ceu.fi.udc.es
http://ceu.fi.udc.es/cgi-bin/mailman/listinfo/trasno

Responderlle a