Ola,

        En primeiro lugar quería agradecer a Susana e Camilo polo seu
ofrecemento para usar tradutores automáticos, sempre é bo ter unha
ferramente máis dispoñible para facer o traballo.

        Sobre a conveniencia de usarmos ou non esas ferramentas, para
empezar é necesario dicir o evidente: que cada quen faga o que lle sexa
máis cómodo.  Non imos obrigar a usar unha ferramenta automática nin
obrigar a non usala.  Cada tradutor é libre de empregala ou non, o
resultado dunha tradución é (ou debería ser, máis ben) independente da
ferramenta utilizada.

        A miña opinión persoal é que a ferramenta pode ser útil para
traducir documentación, pero para programas está máis limitada.  E en
xeral vexo dous problemas:

- Pola miña experiencia, traducir é unha tarefa "pesada" pero á vez
  divertida, precisa de usar a imaxinación e a creatividade.  A revisión
  dunha tradución, pola contra, é mooooooooi aburrida.  Eu persoalmente
  prefiro tardar máis tempo e facelo da miña propia man, que deixarlle o
  traballo a unha máquina e logo estar a corrixir os erros (potencialmente
  altos) da tradución.

- As dúas propostas feitas aquí son de traducir automaticamente do castelán
  e do portugués, cando o que traducimos é un 100% do inglés.  Iso quere
  dicir, como xa comentastes, que estaríamos a facer unha tradución dunha
  tradución, e iso é pouco recomendable.  Os problemas posibles son
  introducir erros na tradución, transmitir os erros da tradución orixinal,
  e que a tarefa de revisión é aínda máis difícil ("mmm, que cona é isto?
  será un erro do tradutor automático? será un erro do que o traduciu a
  español/portugués? a ver que mire o orixinal en inglés... mmm, e agora a
  tradución a español/portugués...") Ufff...

        En todo caso, igual estou a ser pesimista de máis, habería que
facer unha proba cun texto de documentación a ver que tal funciona.  Agora,
hai alguén a traducir documentación por aquí?  Eu téñoo difícil para facer
probas, estou dándolle arreo á tradución de GNOME, a ver se a voltamos a un
nivel de decencia mínima ;)

        Se alguén fai algunha probiña seria (que non sexa traducir unha
noticia ou un texto literario coas dúas ferramentas para demostrar canto se
parecen o galego e o portugués e o estúpidos que somos os que traducimos a
galego), que o conte na lista ;)

        Saúdos!

P.D: Berto, se cadra podías facer tamén un gal2por (pena que non estea en
prolog ou haskell, xa estaría feito!), logo podíamos exportar as nosas
traducións aos portugueses, com certeça ficariam muito felizes com elas :)

-- 
Unha aperta,
Jesús Bravo Álvarez
http://www.pobox.com/~suso
_______________________________________________
Trasno mailing list
tra...@ceu.fi.udc.es
http://ceu.fi.udc.es/cgi-bin/mailman/listinfo/trasno

Responderlle a