Fixen este pequeno resumo do falado na reunión entre A.Pérez Casas e algúns dos que asistimos dende Trasno. Imaxino que faltan cousas e algunhas outras non entran nunha información imparcial, pero as dúas ou tres opinións persoais que hai adoitan estar ben localizadas). Agradécense ampliacións e correccións:
- Que o compromiso polo software libre provén da Consellaría de Industria e Innovación e fica polo tanto atento principalmente ao desenvolvemento e promoción das empresas do sector tecnolóxico galego no novo campo dos servicios relacionados co software libre. - Que entre as políticas puramente dirixidas ao software libre farán fincapé no emprego dos estándares e no apoio ao movemento colaborativo-asociativo. O proxecto se atopa aínda en fase inicial e, máis que a unha desatención voluntaria, o desentendemento con asociacións e grupos como Trasno, Ciberirmandades, Galego21 provén dunha precipitación inicial e de que, no noso caso, á administración lle resulta difícil estabelecer trato, convenios e iniciativas con grupos sen entidade xurídica. Rexeitáronse taxantemente dende un principio as tentativas que tiñan algúns dos LUGs galegos de realizar os traballos (de calquera índole) mediante contratación ou pago dos seus asociados e confíase en que sexa a comunidade de desenvolvedores por libre e as empresas a que faga e colabore asiduamente nos traballos (tradución, desenvolvemento...) que se enmarquen dentro dos mesmos obxectivos que a Consellaría. Non se rexeita, por outra banda, que a administración documente e traduza algúns proxectos de software empresariais que algunhas empresas galegas están dispostas a liberar nun futuro baixo licencia libre. - Non se volverá a repetir un caso como o do OpenOffice xa que non vai ser ese o estilo de acadar axiña resultados (discutiuse a calidade do traballo do OpenOffice, sobretodo no relativo ao diccionario que se adxuntou e que carece hoxe en día de utilidade algunha, porén a suposta sobrefinanciación séguese a negar a pesar das evidencias). Delegouse a responsabilidade da decisión na dirección do Cesga e excusouse a indefinición polo periodo de ambigüidades que se deu no cambio de goberno. Fíxose resaltar que a Consellaría podería, dende un principio, ter financiado fortemente e por vía empresarial unha distribución galega, unha localización completa, e todos os servicios relacionados cousa que evidentemente non se quixo facer. Quedou claro que non se van a contratar máis este tipo de servicios (pero non se falou de subvencións ás empresas, que imaxino estarán dentro das espectativas) - Que entre os proxectos de futuro existe vontade de elaborar unha distribución propia (se cadra varias, por exemplo para a administración, para a educación, para a xestión económica ... todas con posibeis usos institucionais) pero que se van deixar de lado os exclusivismos. Forneceranse recursos na rede mediante a creación dunha "forxa" para todos os grupos que participen na elaboración de distribucións, na tradución, no desenvolvemento de aplicacións, na elaboración de conferencias, coloquios ou seminarios, e, en xeral, nas asociacións actuais. - Existe disposición de colaborar connosco para acadar a localización completa: atenderanse dentro do posíbel as nósas peticións (axuda técnica, elaboración de plugins, organización de seminarios de tradución, servidores, a futura forxa, un servicio ou persoa para revisión lingüistica para os tradutores ...). Precisamente resaltouse a necesidade de facilitar a tradución con seminarios explicativos e a elaboración de material didáctico para tradutores non expertos en informática ou software libre (expúxoselles o de captar novos tradutores como medida estrictamente necesaria para levar a bó termo a localización completa). Descoñecíase o glosario e a guía de estilo de Trasno, (así como os manuais, que habería que anovalos). Díxose que habían pór máis atención ás mencións aos autores ou ás asociacións na páxina de mancomun. - Había unha predisposición dos técnicos do proxecto a usar Rosseta como ferramenta de utilidade para a localización (é dicir, e isto é cousa miña, había pretensión de facer paralelamente as localizacións, desvinculándose posíbelmente dos proxectos oficiais de tradución: KDE, Gnome, Mozilla, OpenOffice ... e, dedúcese polo tanto, unha preferencia por Ubuntu no caso de elaborar unha distribución galega; descoñecíanse os puntos malos de Rosseta). M.Villarino suxeriu no seu lugar Pootle (http://pootle.wordforge.org/), se un día se vai usar interface web para tradutores ocasionais (aínda que preferentemente se debera usar un sistema operativo completo). Urxiuse a elaboración dun dicionario-corrector completo e agárdase a que se implemente maioritariamente o Hunspell. - Para rematar, creo que quedaron en que van abrir un foro reducido para a intercomunicación directa entre Trasno, Galego21. Ciberirmandades e os técnicos do proxecto, en Mancomun.org. Agora mesmo non lembro se tiña outra finalidade que elevar as propostas que saian nas listas de correo particulares. Alguén podería engadir e/ou corrixir todo o que falta ou está mal? _______________________________________________ Trasno mailing list tra...@ceu.fi.udc.es http://ceu.fi.udc.es/cgi-bin/mailman/listinfo/trasno