Mais que retocar, reescribín os dous últimos parágrafos. Non sendo que vexades 
algo estrano esta é a versión que vou enviar. Grazas polos consellos. 

__________________________________________________________
As illas Feroes, literalmente, as illas das ovellas, non son máis ca un  
pequeno e caprichoso arquipélago basáltico asentado no bravo Mar de Noruega. 
Mais, e ben o explicou Ch.R. Darwin, as illas son habitualmente ricas paraxes 
cheas de peculiaridades naturais. En canto á  súa xente, si, tamén son 
peculiares. As illas Feroes son unha provincia autónoma da Coroa Danesa na que 
viven cincuenta mil persoas e inda sendo dinamarqueses non pertencen á Unión 
Europea. Tampouco falan o danés senón unha lingua relacionada con este e o 
noruegués, o feroés. Si, é unha lingua nada nas illas e propia dela; só os 
habitantes das Feroes, xunto cunha ducia de miles dos que se atopan na 
emigración, o falan a diario. Sendo tan poucos falantes pódensenos ocorrer 
centos de problemas na vida diaria relacionados coa lingua: á hora de ver a 
tele, escoitar a radio ou navegar por internet. Entendo que poucos servizos 
terán na súa lingua propia... de feito non teñen ordenadores traducidos ó 
Feroés.
 
Un momento, non fun preciso dabondo. A unha compañía coma Microsoft, 
fabricante dos arquicoñecidos XP e Vista, ou coma Apple, o feroés resúltalles 
unha lingua, digámolo en termos económicos, pouco rendible. E digo pouco 
porque traducir software, que é do que falo, é realmente caro. -Para sesenta 
mil falantes!?- dirán. Así que os feroeses téñense que conformar con comprar a 
versión inglesa deses produtos ou, probablemente o prefirán, a danesa. Pero, 
parece que alguén aló nas illas non está conforme con esta situación e non só 
isto senón que se puxo mans á obra. Resulta que alguén está disposto a que 
todos os seus veciños feroeses poidan navegar por internet ou ler o seu correo 
electrónico sen abandonar a súa lingua materna. Será o Primeiro Ministro das 
Feroes?. Sexa que sexa conseguirao cunha dose de paciencia e esforzo, pero sen 
necesidade de facer unha sentada diante das oficinas de Microsoft en Redmond. 
Nin creo que fose frutífera nin tampouco sería necesario. O que ese alguén 
fará, e do que non hai constancia de que sexa o Primeiro Ministro, será 
traducir un dos escritorios [1] dispoñibles para Linux [2]. Linux, igual ca 
Windows XP ou Mac OS X,  é un sistema operativo, é dicir, digámolo así, é o 
software que fai que o noso ordenador funcione dende que prendemos o botón de 
acendido ata que o apagamos. O escritorio é todo o que vemos e usamos entre 
medias. Cando remate a súa tradución os seus veciños e el mesmo poderán 
empregar un ordenador cen por cento en feroés... a custo cero. Nin este veciño 
ha cobrar por traducir software nin tampouco é necesario pagar por descagar, 
instalar ou usar Linux legalmente. Fagan contas e comprobarán que, como moito, 
os feroeses só pagarán a factura de compra do ordenador grazas a esquecerse de 
compañías coma as citadas enriba.

O misterio da redución drástica no importe da factura reside en que Linux é 
software libre, ó igual có escritorio que este feroés traduce. Estamos 
acostumados a ver e usar produtos de software que son producidos de xeito 
privado, por compañías, e a logo ver como nos venden eses produtos, enlatados 
e ben pechadiños. Porén, o software libre ten como sinal de identidade ser 
feito de xeito colaborativo a través de internet por voluntarios, ser 
distribuible gratiuitamente e ser modificable ó antollo dos usuarios, 
legalmente, claro. O efecto colateral disto é que os proxectos de software 
libre poden ser traducidos sen necesidade dun estudo de marketing previo e sen 
render contas a ninguén. Linux, KDE e Gnome, que son os principais escritorios 
para Linux, Firefox, OpenOffice,... son software libre e son traducidos por 
voluntarios. Para ese alguén que traduce ó feroés dá igual que os seus 
compatriotas se conten por miles coma por millóns, a el só lle importa que 
haxa informática en feroés.. Coma co feroés, o software libre tradúcese a 
centos de linguas. Tradúcese ó frisón, alemán, chinés ou bengalí, tamén ó 
butanés, zulú e ó guaraní. E para sorpresa de moitos, tamén ó esperanto, ó ido 
e ó inglés antigo. Non pensedes que mo salto, entre todas esas linguas tamén 
está o Galego pois aquí tamén hai voluntarios que traducimos software e 
facémolo, principalmente, baixo o Proxecto Trasno [3] (www.trasno.net). Inda 
que queda moito por facer, xa temos ordenadores galegofalantes... todo 
software libre.   
 
A min gústame dicir que o software libre, amais de ofrecer calidade, é 
socialmente xusto. É que, abonda con que haxa un só voluntario disposto as 
romper as barreiras da imposición lingüística ou as impostas pola demografía 
que a totalidade dos seus esforzos han chegar da man do software libre, 
independentemente de razóns socioeconómicas, a onde a tecnoloxía dea chegado,


[1] http://es.wikipedia.org/wiki/Entorno_de_escritorio
[2] http://gl.wikipedia.org/wiki/Linux
[3] Proxecto trasno http://www.trasno.net

Responderlle a