> Este glosario, como anexo terminográfico, forma parte do Manual de
> localización elaborado por Mancomún para contribuír coa comunidade de
> galeguización a consolidar procedementos de localización de software ao
> galego.
>
> Trátase dunha terminografía descritiva e non prescritiva por moito que parte
> do seu contido base teña sido xa sancionado por entidades oficiais como
> Termigal.  En concreto é un dos resultados do compromiso adquirido hai agora
> 1 ano por parte de Mancomún para a elaboración dunha guía de estilo e un
> vocabulario de uso frecuente na localización de software ao galego.
>
> A numeración de versión do glosario que pasa agora de 0.3 a 0.9 para
> homoxeneizala coa actual versión do Manual tamén é unha clara indicación de
> que o consideramos só un paso de cara a forxar unha futura versión 1.0, como
> obra de consenso que debe contrastarse coas persoas que realmente fixan a
> lingua, os tradutores e tradutoras.
>
> O glosario tal como se publica debe entenderse como un material sobre que o
> tradutor pode consultar para documentarse de maneira fiábel sobre formas e
> escollas que tradutores previos foron adoptando e que son reais e efectivas
> no ámbito específico da localización de software. O corpus de extracción
> (Gnome, Debian, KDE, AraOS, OpenOffice, produtos Mozilla, ispCP Omega,
> Joomla, phpBB3, etc.) é un multitexto conformado por unha parte moi
> significativa dos grandes proxectos de localización ao galego, con
> recoñecida calidade e solvencia funcional da tradución aplicada e nos que xa
> de por si se foi realizando, en distintos momentos e por distintos axentes,
> un traballo de consistencia lingüística.
>
> Os textos do corpus base están todos eles dispoñíbeis libre e publicamente
> de modo que o glosario constitúe unha obra derivada, transparente e
> contrastábel para o que queira traballar sobre ela. Con este mesmo fin, o
> glosario pasará a formar parte da Forxa de Mancomún  porque consideramos que
> é o sistema que mellor garante a súa dispoñibilidade e ofrece a mellor
> plataforma para o seu desenvolvemento futuro.
> Por outra banda, é obxectivo deste material axudar a consolidar a
> terminoloxía e o estilo das principais localizacións ao galego e,
> precisamente por iso se estimou que o corpus debería basearse sobre aqueles
> grandes textos representativos nos que a comunidade de axentes tradutores
> fixo un grande esforzo de consolidación e consistencia terminolóxica.
>
> Este material preséntase publicamente en dous formatos, o CSV e en TBX
> porque pretendemos cumprir dous obxectivos: a)en CSV, de modo que poida ser
> empregado e adaptado sen dificultade a calquera base de datos ou calquera
> ferramenta ou material de consulta, que haxa ou poida ser creada como obra
> derivada; e b) en TBX, como un paso adiante na innovación traductolóxica en
> tanto que é a primeira aplicación coñecida do estándar internacional de
> terminoloxía que acaba de ser aprobado como norma ISO, - se ben, dadas as
> limitacións de aproveitamento que presentan arestora as ferramentas TAC,
> ofrécese unha aplicación do estándar adaptada a unha das máis prometedoras,
> Lokalize. Esta perspectiva cremos que permitirá non só un desenvolvemento
> sobre bases seguras para a terminoloxía galega senón tamén unha base de
> utilidade para calquera comunidade ou tradutor que queira adaptala ao seu
> propio ámbito lingüístico.
>
> Con todo, a utilidade fundamental deste material cínguese a ser obra de
> consulta directa ou por medio de ferramentas de asistencia ao tradutor,
> especialmente ao tradutor que se inicia e ao que se presentan dúbidas
> constantes debido á falta de consolidación da terminoloxía informática en
> todas as linguas que non son o inglés (e nin neste, en certa medida). En
> moitos casos, aínda que non se presenta unha solución explícita, o uso da
> analoxía, a derivación e a sensibilidade cultural do tradutor encontrará a
> mellor solución para que os usuarios de software en galego se sintan
> confortábeis e exploten todo potencial o software, especialmente o libre.

Moi bo traballo. Haberá que ir vendo se estamos de acordo con tódalas
escollas, pero iso non desmerece o trabalo de, segundo vexo, Tagen Ata
e Mancomun, e por extensión de tódolos tradutores que traduciron os
programas a partir dos que se extraiu este glosario.

Polo de agora só unha queixa, sigo sen entender a necesidade de
utilizar as etiquetas <ntig> e <termGrp> e os seus peches cando xa
comprobamos que o Lokalize traga ficheiros sen ditas etiquetas e así o
ficheiro ocupa menos espazo.

Ata logo,
                     Leandro Regueiro

Responderlle a